Logo de la empresa

A Torre de San Sadurniño

Redacción revista eSmás | Revista eSmás edición O Salnes Nº 4

Continuamos a nosa viaxe arqueolóxica pola comarca do Salnés e, neste caso imos, visitar a famosa Torre de San Sadurniño, en Cambados.
A Torre de San Sadurniño

Continuamos a nosa viaxe arqueolóxica pola comarca do Salnés e, neste caso imos, visitar a famosa Torre de San Sadurniño, en Cambados.
Este xacemento sitúase na Illa de San Sadurniño, antigamente coñecida coma a Figueira, en fronte dun dos barrios máis antigos de Cambados: o barrio de Santo Tomé ou Vila Vella. Nesta illa atopamos os restos dunha fortaleza, ou faro-atalaia medieval, que é a Torre de San Sadurniño.
A torre foi construída durante os séculos VIII e IX, aínda que é posible que se reconstruíse sobre unha torre máis antiga de orixe romana ou fenicia, tal como din algúns expertos. Segundo Caamaño Bournacell a súa construción sería un pouco máis tardía, de mediados do século X, na época do bispo Sisnando II.

En calquera caso, a súa construción asemella que foi realizada para protexer e avisar dos ataques dos normandos ou berberiscos que nestes tempos se producían nas rías galegas. Así, xunto á torre da Lanzada (Sanxenxo), do Cálago (Vilanova de Arousa), da Illa de Arousa, Lobeira e Meadelo (Vilagarcía de Arousa), das torres do Oeste (Catoira) e máis outras, formaría un sistema de vixilancia, aviso e defensa da ría de Arousa ata Compostela.

Un pouco máis tarde, no século XII, a torre foi adquirida e reconstruída polo bispo Diego Xelmírez, que parece ser tamén construíu un pequeno porto ao redor da torre. Anos máis tarde, no século XIII a torre pasou a mans de Pai Gómez Chariño.

Xa no século XV parece ser que a torre foi derrubada nas revoltas dos irmandiños, aínda que no preito Tabora-Fonseca se fala da destrución das fortalezas da Lanzada, Lobeira e Lantaño, mesmo se non se menciona a de San Sadurniño. Uns anos despois saberemos que a torre foi comprada por Suero Gómez de Soutomaior, medio irmán do famoso Pedro Madruga.

 

En 1755 o terremoto de Lisboa derrubou parte da torre e dunha pequena capela dedicada á Virxe María que se erixiu un tempo antes e xa non se reconstruíu. Ata este século, o XVIII, a torre estivo vinculada á familia Chariño-Soutomaior, ata que Martín Domingo de Guzmán y Niño vendeuna ao primeiro marqués de Montesacro, Diego de Zárate e Muga, que a conservou ata a desaparición dos señoríos no século XIX.

Hoxe en día tan só quedan restos de dous muros de granito, así coma restos dunha cheminea na segunda planta, como se pode ver nas fotos, aínda que merece moito a pena unha visita ao lugar.

Ata o próximo artigo!

                                                                                                                                                                                                                                              






                    


 

Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top