Logo de la empresa

Auditorio da Xuventude de Cambados

Redacción revista eSmás | revista eSmás O Salnés Nº 3

Alguen que non coñeza Cambados e pasee polo centro da vila, pola rúa San Francisco,
Auditorio da Xuventude de Cambados

Alguen que non coñeza Cambados e pasee polo centro da vila, pola rúa San Francisco, un día calquera entre semana recoñecerá cal é o seu auditorio cos ollos pechados. As notas dos instrumentos musicais soan dende o interior da instalación e chegan ata os oídos dos viandantes.

Ainda que o Auditorio da Xuventude foi inaugurado no 2004, hai que remontarse moitos anos atrás para saber dos seus inicios, non coñecidos sobre todo polos máis mozos da zona.

É de vital importancia destacar a historia da fundación de Juventud de Acción Católica, alá polo ano 1932, que tanto influiu na formación e integración social de varias xeracións de cambadeses do século pasado arredor do inmoble coñecido agora coma o Auditorio da Xuventude, La Juventud por aquel entón.

A historia do Auditorio

 

Este edificio naceu no seo de Acción Católica pero a súa repercusión foi máis aló do meramente cristiano, xa que o que naceu ao seu redor foi unha gran actividade cultural e deportiva, surxindo de aí o equipo de fútbol, o de baloncesto, o tenis de mesa, o grupo de teatro e o cine.

Foi no 1934 cando se inaugurou La Juventud e toda a vida da xuventude daquel entón centrábase neste lugar xa que era a única opción de ocio dos cambadeses.

Na posguerra, no 1948, o Arzobispado de Santiago fíxose cargo deste inmoble e, trala desaparición de Acción Católica en Cambados (1962), comezouse   perder a actividade que había ao seu redor. O estado do edificio deteriorábase e a pesares dos intentos dos mozos da zona por rehabilitar o seu interior coa colaboración do párroco de Cambados, José Aldao, era maior a capacidade de limpeza que a de facer obras que arranxasen o seu estado. Nos setenta, o modelo social evolucionou, chegaron distintas ofertas de ocio e esta institución veu como remataba a súa actividade.

O Concello de Cambados e a Igrexa comezaron a negociar un convenio no 2001 facendo que o edificio de La Juventud pasase a ser patrimonio público, inaugurándose no 2004 e incorporando pouco despois a escola de música e o conservatorio municipais.

Víctor Caamaño, responsable da Área de Enseñanza, Patrimonio, Cultura, Deporte e Normalización Lingüística do Concello recorda esta inauguración coma “un fito histórico para Cambados.

Non había un auditorio para levar a cabo actividades coma o teatro ou concertos e cando se quería facer algo dese estilo o único recurso era o dos pavillóns municipais, que contaba con capacidade pero non coas condicións necesarias”. Así, coa súa inauguración, a poboación de Cambados obtivo unha opción de crear e organizar unha actividade cultural que era inviable ata ese intre.

Actividades e programación

 

Hoxe en día, 83 anos despois daquela primeira inauguración, conta con capacidade para 250 persoas e a súa actividade céntrase en tres variedades: teatro, concertos de diferentes estilos e para actos institucionais, como a celebración do Día da Muller Traballadora, a entrega do Premio Cabanillas, a celebración do aniversario de Cabanillas, ou a mestura de varios tipos de espectáculos, como son danza con música, contacontos, etc.
 


 

A actividade deste Auditorio varía segundo a época do ano: unha programación específica para as datas de Nadal, no mes de febreiro adoita centrarse nos ciclos de teatro infantil e ata o mes de maio pon a súa atención en actividades relacionadas con teatro, recitais, contacontos e distintas actividades vinculados ás letras e ás bibliotecas. Coa chegada do verán (os meses de xullo e agosto), o grado de utilización do Auditorio vaise reducindo xa que o bo tempo anima a levar estas actividades á rúa. E a partires de setembro, volta a comezar.

O propio Víctor Caamaño asegura que “o seu nivel de emprego é moi alto. Conta cunha asistencia amplia, satisfactoria e moi regular con citas que se van asentando ano tras ano. Nalgunha ocasión temos problemas para situar determinadas actividades dependendo da época do ano”.

O Concello non se limita a reservar esta instalación a eventos organizados por eles, senon que calquera grupo pode solicitar o uso deste auditorio para algún acto ou evento en especial. Todas estas actividades conviven cos ensaios regulares do grupo Teatro no Garaxe e coa Banda de Música do Conservatorio de Cambados, por iso se convirte nun espazo cheo de vida durante todo o ano.

Obxectivos futuros

 

Nunha instalación na que é constante o ir e vir de xente de todas as idades, é importante coñecer que obxectivos se ten marcados o Concello para mellorar o servizo que ofrece o Auditorio.

Víctor Caamaño explica que o obxectivo principal é mellorar as instalacións: “Non é tanto un problema en canto a mobiliario, senon que hai tres aspectos fundamentais que son necesarios mellorar: o son, a luz e a imaxe. O auditorio ten moi boas cualidades acústicas. O equipo de son funciona perfectamente cando estamos falando da presentación dun evento, dun libro ou en diferentes intervencións, pero ten carencias para un concerto ou incluso para un teatro”.

“En canto ao sistema de luces – continuou – contamos cun moi sinxelo que tamén nos gustaría mellorar, ao igual que o proxector de vídeo. As melloras nestos tres aspectos permitiríannos ampliar o rango de posibilidades do Auditorio, incluida unha idea inicial que plantexamos hai tempo, que é un cineclube. Isto terá éxito sempre e cando teñas unha boa maquinaria, por eso se deben realizar certas inversións para mellorar este Auditorio”.

"O auditorio ten moi boas cualidades acústicas"


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top