Logo de la empresa

Historia de Cambados (en 1800 palabras)

Domingo Tabuyo | revista eSmás O Salnés Nº 2

Deixando a un lado a cuestión, sempre escabrosa, da orixe do topónimo Cambados, onde José Caamaño Buornacell e outros falan de orixes celtas,
Historia de Cambados  (en 1800 palabras)





 

Deixando a un lado a cuestión, sempre escabrosa, da orixe do topónimo Cambados, onde José Caamaño Buornacell e outros falan de orixes celtas, o que importa é sinalar a antigüidade da ocupación deste territorio. Topónimos como O Castriño, no entorno da igrexa parroquial, ata o Camiño do Castro, que leva ao Castro da Pastora, ou tamén Castrelo e monte do castro, que dan nome a toda unha parroquia, e o famoso Con das Sete Pías en Vilariño falan desa vinculación. É evidente que nas etapas máis remotas, na Prehistoria e na Idade dos Metais, a ocupación do espazo foi un feito. Termos coma Modia ou Fornos, tamén en Vilariño, apuntalan aínda máis esta hipótese.

Cambados, e o Salnés no seu conxunto, foron espazos onde diferentes culturas tiveron presenza, e as grandes rotas marítimas tiveron gran influenza na conformación das nosas relacións comerciais e das actividades económicas.

Ademáis da clásica ( e controvertida) afirmación da presenza de substratos celtas, semella constatada a presenza dos Fenicios, a través de achádegos de restos cerámicos e outras pezas, que falan dunha relación comercial estable. Estes, que chegaron a estas terras na procura do estaño, descubriron a riqueza das illas Casitérides, das que Sálvora podería ter formado parte. Pero foi a presenza romana a que remata por modelar a nosa configuración. E as recentes excavacións do Castro da Lanzada, Adro Vello, Ribadumia, Castro Alobre ou as antigas de Sete Pías, arroxan luz sobre a presenza romana, o abandono dos castros, e da importancia desta zona no control do territorio, e nas actividades económicas.

Destaca especialmente o papel que podo xogar nesta zona a Vía Romana chamada “per loca marítima”, que discorría polas zonas litorais, e que algúns historiadores supoñen que pasaban por aquí, e consideran que “A Calzada” formaba parte dese trazado viario romano.

Coa desaparición do Imperio Romano, e a chegada dos Suevos e dos Visigodos, mudaron especialmente os dominadores, como posuidores das terras e receptores dos impostos . Pero algúns historiadores, como Caamaño Buornacell, falan da importancia e das concesións e privilexios que reis como Witiza, concederon a Cambados, incluso o de usar a coroa real no seu escudo. Destacable a nova reordenación territorial que, baseada na organización eclesiástica, os suevos levaron a cabo no famoso “Parrochiale Suevorum”, na segunda metade do século VI, e onde as Terras Salinensis configuran un espazo diferenciado e con identidade propia.

Foi na Idade Media, cando a vinculación das tres vilas, é dicir Fefiñáns, Cambados e Santo Tomé do Mar, pasaron a mans de diversas Casas Nobiliarias, que mediante herdanzas e alianzas matrimoniais, acabaron por multiplicar as xurisdicións e os dominios.E sumarlle o papel da Igrexa, tanto do Arzobispado de Compostela, coma dos poderosos Mosteiros, como San Martiño Pinario, con amplos intereses na zona. Así, as grandes familias que dominaban naqueles tempos, eran o Conde de Fefiñáns, que controlaba Corvillón, Fefiñáns, Ribadumia e Vilariño; o Conde de Monterrey en Cambados, e os Charino e os Soutomaior en Santo Tomé. Os sucesivos ataques de pobos normandos, durante os séculos VIII e XI, obligaron á construcción de torres defensivas dende as que controlar e avisar da chegada dos invasores. Os bispos Sisnando e Xelmírez, foron os impulsores da decisión de converter ao Salnés nunha terra fortificada. Podemos sinalar de Sur a Norte: Cedofeita, en San Salvador de Lérez, protexendo a ría de Pontevedra; A Torre da Lanzada, en Noalla Sanxenxo; Torre de San Sadurniño, en Santo Tomé do Mar en Cambados; Torre de Cálago, en Vilanova de Arousa, Castelo de Lobeira, entre András (Vilanova) e Solobeira (Vilagarcía), e, as Torres de Oeste en Catoira.

A Torre de San Sadurniño, no illote do mesmo nome, onde é urxente facer unha actuación arqueolóxica. Algúns historiadores falan deste illote, como asentamento romano, e outros defenden a súa orixe medieval, século X, ou como construción do século XV pola linaxe dos Soutomaior. No ano de 1607, o Cardenal Jerónimo del Hoyo, Visitador do Arzobispado de Santiago, refire o seguinte:

“Destas villas la primera que se fundó fue San Tomé do Mar que es una islilla questá cercada de agua y quando devala queda en seco pero muy mojado y para poder entrar desde tierra a esta islilla hay una calçada de piedra gruesa, que será de alto como dos varas, y quando hay fortuna, la suele cubrir el mar y aun pasar un barco por encima. Esta isla se llama la Isla Vieja. Tiene una hermita que se llama San Tomé y también hay otro sancto que llaman San Saturnino. Tiene esta islilla una casa fuerte que por los dos lienços le rodea el mar .Dicen la fundó Pedro Pardo, el mariscal, questá enterrado en Sancto Domingo de Pontevedra, en la capilla que ahora es San Jacinto. Esta islilla tiene diez y siete vecinos y son pobres. Solian ser ochenta. No hay en esta islilla agua dulce.”

Foi na Idade Moderna, século XVI ao XVIII, cando Cambados, e o conxunto de Galicia, coñeceu un periodo de esplendor. Os novos cultivos chegados de América, Millo e a Pataca, que arraigaron perfectamente no noso clima, incrementaron os rendementos agrícolas e os beneficios dos campesiños. Tamén favoreceu á Nobreza e ó Clero, que ingresaban máis impostos. Levántanse así os Pazos, Igrexas e Conventos. En Cambados destacan:
 

A Igrexa de Santa Mariña Dozo, un edificio de cabeceira cadrada, nave única con cuberta de madeira e capelas laterais, que responde ao estilo do “Gótico Mariñeiro” dos séc. XIV-XVI. Está dividida en 5 tramos desiguais, por medio de catro arcos transversais de medio punto. Esta, xunto coa de Santa Columba de Rianxo, San Francisco de Cambados e a primitiva Igrexa de Fefiñáns, forman un subgrupo no que aparecen rasgos da arquitectura Hispanoflamenca, e incluso algúns claramente Renacentistas. Está levantada sobre outra anterior e foi construida a instancias de María de Ulloa, nai do Arzobispo Alonso III de Fonseca, e fundador da Universidade de Santiago. Dende o século XIX, xa destellada, a súa silueta de arcos sostendo o ceo, constitúe unha imaxe singular do noso pobo.

Pero o edificio máis emblemático é o Pazo de Fefiñáns. Construido no século XVI, por Juan Valladares Sarmiento, asesor e conselleiro de Filipe II, quen lle outorga a dignidade de Nobreza. Foi modificado no XVII. Ten influencias renacentistas e barrocas, e unha clara traza italianizante. O conxunto da praza péchase coa Igrexa de San Bieito, sobre outra anterior románica. Tamén pertencía a este conxunto, o Muiño da Seca, do ano 1622, un muíño que moía o gran aproveitando o movemento das mareas.

Desta etapa, destacan outros Pazos, como o de Ulloa, levantado pola casa de Monterrei, posteriormente residencia da citada María de Ulloa, e que despois pasou á Casa de Alba. Tamén o Pazo de Montesacro, construido no século XVIII polo Marqués de Montesacro, en estilo Barroco, no que destaca un gran escudo frontal cos escudos das familias de Zárate e Murga. Inclúe a Igrexa da Valvanera, culto de orixe Rioxano, pero de gran aceptación na vila. Hoxe é propiedade dunha comunidade de relixiosas e alberga o Asilo de Cambados. Ou o Pazo de Bazán, construido no XVII e remodelado no XVIII, residencia de Luísa Bazán, bisavoa da escritora Emilia Pardo Bazán. Hoxe convertido en Parador de Turismo.

A actual Igrexa parroquial, formaba parte do conxunto do Convento de San Francisco, e foi construído nos séculos XV e XVI, no xa citado estilo do Gótico Mariñeiro con influenzas Renacentistas. Na súa fachada figura unha inscrición na que nomea a Juan Daval e a María Pérez, no ano de 1588, como os que sufragaron as obras. Este Convento, figurou entre os 900 suprimidos polo Real Decreto do 27 de Xullo de 1835, de Mendizábal. Tendo en conta que o edificio quedara baixo a custodia do Alcalde Maior e Xuíz de 1a Instancia, foi convertido en Cuartel das Milicias Urbanas ao mando do Comandante Zárate e Murga. Asimesmo foi Cárcere pública, e posteriormente Escola. Por iso o Concello reclama no 1841 a propiedade do Convento e a conversión da igrexa en Sede Parroquial. E no 1842 cedéuselle gratuitamente ao Concello. No século XVIII, a Xurisdición de Fefiñáns, comprendía as comarcas de Besomaño, Corvillón, Leiro , Oubiña, Ribadumia, Vilariño. Mentres que a Xurisdición de Cambados estendíase a San Lourenzo, Santo Tomé e San Vicente de Nogueira.

Neste tempo, o Vizconde de Fefiñáns Antonio Gaspar de Valladares, designado Comandante das Forzas da Ría de Arousa, capitanea a toda a fidalguía da zona para impedir o desembarco da Armada Inglesa, no seu intento de ocupar Compostela, durante a Guerra de Sucesión ao Trono de España.

Foi no século XIX, no 1820, cando as tres antigas xurisdicións de Fefiñáns, Cambados e Santo Tomé, fusiónanse nunha soa entidade xurídica e administrativa: nace así Cambados. Incluía tamén a Ribadumia e a San Miguel de Deiro, que foron segregadas no 1841.

Cambados entra no século XX coas novidades que o progreso aportaba, tal como o alumeado público de 1899, ou as construcións de novas vías de comunicación ou melloras como a Avenida de Madrid, a de Galicia, ou con Vilagarcia. Tamén con expectativas como aquelas derivadas da construcción do Gran Hotel da Toxa, ou da hipotética construción dunha liña ferroviaria que pasara por Cambados, despois daquela decisión caciquil do poderoso Laureano Salgado, de evitar o paso da liña de Vilagarcia-Pontevedra por estas terras. As primeiras décadas do século foron as da construción do peirao, e tamén a compra da ponte chamada da Barca, promovida polo Marqués de Mochales, o que evitaba ter que dar a volta por Pontearnelas, para acceder a Castrelo No referido ás actividades económicas, a primeira conserveira creada en Cambados foi a de Cándido Carreró no 1891, baixo o nome de Conservas A Pastora. E no 1934, Amador Mouriño Villaverde crea as que, a partir de 1964, pasaría a chamarse Conservas Galbán. No 1936 José Peña pon en marcha Conservas Peña, e no 1941 aparecen tamén as Conservas Daporta.

Espazo importante precisaría o mundo do Albariño, hoxe motor económico de 1a orde na comarca. No 1953 Bernardino Quintanilla Álvarez organiza con Ernesto Zárate, Manuel Silva, José Rodiño entre outros, na horta de Angel Botana, a primeira competición para premiar o mellor albariño. Dende aquela van 65 edicións de Festa do Albariño. E neste 2017, Cambados foi distinguida co importante recoñecemento de Cidade Europea do Viño.

Por cuestión de espazo, simplemente reseñar que neste ano celébrase o Centenario do Pósito de Pescadores. O máis antigo de España. Naceu no ano de 1917, debido ao impulso dos irmáns Salgado, Juan e Ramón, con máis de 400 afiliados e no que José Francisco Otero Pontevedra, foi o 1o Patrón Maior.

Finalmente, destacar que esta é terra de grandes artistas. Citar ao Poeta Ramón Cabanillas, aos Escultores Francisco Asorey, Narciso Pérez, Francisco Leiro, Manuel Paz, ou ao Pintor Lino Silva, é unha pequena mostra da potencia artística que, dende antigo, distinguiu a Cambados.


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top