Logo de la empresa

O marisco na Illa de Arousa

Redacción revista eSmás | revista eSmás O Salnés Nº 1

Os tempos cambian e, con eles, tamén os nosos costumes. Mesmo no consumo de marisco.
O marisco na Illa de Arousa

Os tempos cambian e, con eles, tamén os nosos costumes. Mesmo no consumo de marisco. Hoxe en día xa superamos, e con creces, o feito de que o noso marisco noutros tempos fose considerado refugallo e non estivese destinado ao consumo humano. Na actualidade, o marisco é un manxar admirado e mesmo envexado, que move a unha grande cantidade de persoas sempre en busca dunha calidade excepcional no produto que atopará nalgún outro sitio, si, pero en ningún como na Illa de Arousa.

Non fai falla remontarnos a séculos atrás para ver os cambios de comportamento nos consumidores. Hai, por exemplo, uns 15 anos, quen fose a un restaurante especializado en marisco nesta vila adoitaba pedir unicamente mexillóns ou ameixas. Co tempo, as miras foron espallándose e a clientela abriuse a novas experiencias, a probar novos sabores tan deliciosos como o dos berberechos, o das zamburiñas, do lumbrigante (sobre todo en arroz), das navallas ou dos camaróns.

Un repaso por estes establecementos un día como hoxe, sen ir máis lonxe, deixaranos ver que os produtos máis demandados na Illa de Arousa seguen a ser os mexillóns e as ameixas, ademais das zamburiñas. No cadro de honor tamén aparecen outros mariscos como os camaróns, a nécora e a centola ou preparados como o salpicón e o arroz de marisco, dous pratos que nunca fallan e que adoitan voar nas festas populares.

Atendendo á produción da zona, non hai dúbida de que o mexillón é o rei por mor da grande cantidade de bateas que arrodean a illa. Malia que existen outras moitas especies de mariscos, entre as que sobresaen as ameixas, ao mexillón non hai quen o saque da súa posición privilexiada na vila.

 

Entre o público turista, o que chega de fóra de Galicia, a elección segue a depender de canto de grande sexa o burato que traen no peto. Pero iso si, os que veñen a propósito a esta terra porque xa coñecen de antemán o produto non son precisamente poucos. O marisco galego (pero tamén o propio da Illa) coa súa fama é un polo de atracción turística como poucos na nosa zona. Pero por moito que escoitasen falar del, comelo é outra cousa, e a moitos mesmo lles hai que ensinar a abrir unha nécora. Pero non nos esquezamos de incluír a dous grandes coñecidos entre os grandes demandados, porque cando é época de chipiróns e de xoubiñas, na súa tinta os primeiros e con pementos as segundas, son unha aposta gañadora como ningunha outra.
Por máis que mudasen os hábitos, o certo é que o noso xeito de preparar o marisco segue a tendencia de respectar as receitas tradicionais, as que gañaron esa fama ben merecida de delicatessen. Cunha notable excepción, a das ameixas, nas que se foron barallando outras opcións para dar unha maior variedade ao comensais. Da típica preparación á mariñeira, hoxe non é pouco habitual atopalas á tixola ou ao allo, o que lles dá un toque orixinal.

Ao seu carón, nas mesas non faltan tampouco os peixes como acompañamento, especialmente a robaliza, o San Martiño, o curuxo, o rodaballo ou o linguado. E no apartado das bebidas, o viño branco como maridaxe perfecta. Poucas persoas se poden resistir a un Albariño, un Ribeiro ou un Godello, non só porque sexan viños da nosa terra, senón porque ademais realzan o sabor do mar con cada sorbo.
 


Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top