Logo de la empresa

Ramón Cabanillas, un camiño longo de entrega a Galicia

Francisco Fernández Rei | Revista eSmás edición O Salnes Nº 4

Ramón Cabanillas Enríquez naceu o tres de xuño do 1876 “nunha casiña vella e probe, con patín
Ramón Cabanillas, un camiño longo de entrega a Galicia

Ramón Cabanillas Enríquez naceu o tres de xuño do 1876 “nunha casiña vella e probe, con patín, antre un pazo que fundóu un coengo de Compostela e unha praia que fixo persoalmente Noso Señor, na viliña de Fefiñáns, oxe axugada á vila de Cambados”.

O galego debeu ser o idioma de relación coa nai; pero, como indica Luís Rei na excelente Crónica de desterros e saudades de Cabanillas, posiblemente non era preponderante no entorno en que se movía. Educalo en galego debeu ter que ver con que súa nai era muller “de marcado carácter que nunca aceptou que este tivese excesiva protección das persoas para as que ela traballaba -ou ou coas que convivía e non quixo que o neno fose criado como un ‘señorito’, porque esa non era a súa condición”.

No seminario compostelán de S. Martiño Pinario por primeira vez ouviu un mestre louvar a lingua galega; e como seminarista participou no 1891 na comitiva que desde a estación do ferrocarril de Santiago trasladou ata o Panteón dos Galegos Ilustres os restos de Rosalía de Castro, traídos desde Padrón.

Deixou o seminario, traballou como oficial de contabilidade en Cambados e librou do servizo militar por fillo de solteira pobre. No 1910 emigrou a Cuba para fuxir da presión de Cambados, cunha poderosa e inmobilista curia xudicial que “no es una fuerza creadora sino un corrosivo que ataca todas las sustancias”, curia encalecida polo roce do embargo preventivo que só ve con amorosos ollos “el santo pagaré al 10 por 100, la hipoteca, la venta con pacto de retro”, como se dicía no nº 1 do quincenario El Umia  (1907), que fundou e dirixiu Cabanillas.

Neste xornal local de dinamización social aparece o Cabanillas anticaciquil e vagamente agrario e publica os primeiros versos en galego. No 1910 fundou o xornal El Cometa , onde se adhire á causa redencionista e anticaciquil do sindicato agrario Acción Gallega, de Basilio Álvarez, prologuista en La Habana do seu poemario, No desterro (1913). Nesta obra predomina un lirismo neorromántico rosalíano e está presente Cambados nos poemas “No pinal”, “Na ribeira”, “A trainera” ou “Na taberna”, este con trazos modernistas.

Ese primeiro poemario e, especialmente, Vento mareiro  (La Habana, 1915), supuxeron alivio e esperanza para o incipiente nacionalismo, porque se modernizaba a linguaxe poética galega. Cabanillas era o “poeta arelado” e o “Poeta da Raza”, segundo Antón Villar Ponte. Cando no 1916 se crean as Irmandades da Fala, intégrase na de Santiago; a continua presenza nos primeiros actos públicos irmandiños é proba clara do seu entusiasmo e adhesión plena ás Irmandades, das que se converteu no símbolo poético.

Entre 1915 e 1930 representou a estética “oficial” do nacionalismo galego, con tres libros impactantes: o citado Vento mareiro,  dedicado ó seu Cambados “probe e fidalgo e soñador”; Da terra asoballada, poemario de denuncia e de combate; e Na noite estrelecida, tres sagas sobre a busca do Grial, que proxectou como mito galego e universal, punto de encontro dos países célticos e expresión do sentimento  común a Portugal, coa saudade como nexo común.

En setembro de 1930, participou na xuntanza do manifesto “Compromiso de Barrantes”, que reflectía as súas arelas políticas ás portas da República; porén, axiña disentiu do galeguismo e distanciouse de vellos “irmáns”, no que foi decisiva a cancelación no 1932 pola Deputación de Pontevedra da subvención anual das 3.000 pts. que lle concederan cando a finais dos anos 20 o elixiran, con Cotarelo Valledor, membro da Academia Española en representación das letras galegas.

O golpe de xullo do 36 cólleo en Madrid, e nese outono figura entre os intelectuais que o goberno republicano despraza a  Valencia, onde se reencontra co vello amigo Castelao, do que se afastara por diferenzas políticas. En xuño do 1937 volve a Galicia; e sexaxenario traballa como secretario interino en Meis, Silleda, Dozón, Moaña... con denuncias polo pasado  galeguista.

O 9 de xaneiro do 1944 representouse en Cambados o seu poema dramático A ofrenda das fadas no portal de Belén . O poeta vivía un momento moi triste, porque morrera Eudosia, a nai dos seus oito fillos, que os criara mentres andaba “desterrado” por Cuba, Madrid, Mondariz… Fora un solitario cando vivía “desterrado”; pero agora a soidade non era só anímica, pois na casa da rúa Real de Fefiñáns ficaban el e a filla María Luísa, que axiña marcharía. Aquel Cabanillas loitador e soñador séntese triste e derrotado, pois en carta a Otero Pedrayo (Cambados, 3-3-1946) dille:


Con todo, a finais dos 40 embárcase na loita sociocultural do galeguismo de posguerra. No 1948 practicamente tiña escrito Samos , poemario descritivo de gran calidade, editado no 1958. Publica Camiños no tempo (1949), que inaugura a Editorial Bibliófilos Gallegos; e coa súa Antífona da cantiga (1951) inaugurouse o proxecto sociocultural da Editorial Galaxia. Segue mantendo un inequívoco compromiso coa lingua galega; e cando no 1950 morre Castelao na Arxentina, editouse clandestinamente a súa elexía “¡Irmán Daniel!”.

Faleceu o 9 de novembro do 1959 e o 12 agosto do 1967 as cinsas trasladáronse ó Panteón de Galegos Ilustres, en Compostela. Cincuenta anos despois. aínda non figura en Bonaval o epitafio labrado no panteón de Fefiñáns onde o enterraran:

Quero na lousa que me dé sosego
esta palabra que ten luz: Poeta
e esta palabra que ten aas: Galego

Álvaro Cunqueiro, cando ocupou a cadeira de Cabanillas na Real Academia Galega, gabouno deste xeito:

Foi un gran poeta. Cantou o país seu na lingua propia,
perpetuamente fresca, como erba de vran. Cantou os
santos, os héroes, os amadores, os mariñeiros, os
labregos, os mendiños, as rosas, o viño, os piñeiros, o
mar, e tamén a espranza humá, e os soños. […] Díxolle
ao seu pobo fermosos cantos, unhas veces irados,
outras entusasmados, e tamén íntimas confesións de
corazón a corazón, e sempre pasmando a todos coa
beleza descoberta no acio, na roseira, no vento, no
                                                                                             silencio, como un soño de pombas do seu Cambados.


 

Anunciantes en el número actual la revista eSmás:


Scroll to Top